Certamen Artístico-Literario Asunción Antelo 2025
EXP: 2025/D004/000001
RESOLUCIÓN DE ALCALDÍA: Certamen Artístico-Literario Asunción Antelo 2025 EXPEDIENTE: 2025/G003/000249 |
ANTECEDENTES:
O Concello de Coristanco quere convocar un proceso de concesión dos premios do X Certame literario e artístico de Asunción Antelo nas modalidades de Cómic, Narrativa, Poesía, Monográfico e Debuxo. Este certame convocase por iniciativa do Concello de Coristanco coa colaboración dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos CPI Alcalde Xosé Pichel, CEIP Canosa Rus, CEIP Bormoio-Agualada, Cra A Tarandeira e EFA Fonteboa. Ten por obxectivo principal o fomento da interrelación da comunidade escolar, a finalidade desta convocatoria, un ano máis, é conmemorar a herdanza desta autora con gran sensibilidade e emoción poética, que escribía con liberdade, poemas nos que describía cos detalles máis minúsculos, pedaciños da súa vida. Pretendemos así fomentar os valores literarios, promover a creación e a difusión cultural de Coristanco e descubrir o talento tendo como inspiración a Asunción Antelo, Rexubeira de Bergantiños. Tendo en conta o anterior, de conformidade coas atribucións que me confire o art. 21 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime local, RESOLVO:
PRIMEIRO. Aprobar as Bases do X Certame literario e artístico de Asunción Antelo nas modalidades de Cómic, Narrativa, Poesía, Monográfico e Debuxo.que teñen o seguinte contido:
“
X CERTAME ARTÍSTICO-LITERARIO ASUNCIÓN ANTELO MAIO 2025
Xénero: Cómic, Narrativa, Poesía, Monográfico e Debuxo
Un premiado por modalidade, ciclo e centro
Aberto a: Alumnos e alumnas dos centros educativos do Concello de Coristanco
Entidade organizadora: Concello de Coristanco
Data límite para a entrega dos traballos: 1 de maio de 2025
1. BASES E CONVOCATORIA
As presentes bases teñen por obxecto regular o proceso de concesión dos premios do X Certame literario e artístico de Asunción Antelo nas modalidades de Cómic, Narrativa, Poesía, Monográfico e Debuxo.
Este certame convocase por iniciativa do Concello de Coristanco coa colaboración dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos CPI Alcalde Xosé Pichel, CEIP Canosa Rus, CEIP Bormoio-Agualada, Cra A Tarandeira e EFA Fonteboa.
Asunción Antelo converteuse nun referente artístico e literario grazas a súa gran bagaxe e legado cultural formado por innumerables obras de madeira, pedra e barro; e da que afloraron tamén ringleiras de versos froito da súa vizosa creatividade. Asunción representa a ruptura dos estigmas das mulleres do rural, como ela mesma dicía, “Eu nacín antes de tempo”. Artista multidisciplinar, lenda da comarca de Bergantiños, mantense viva na lembranza de todos cun pano na cabeza e vestidiña de negro, gardando cadernos de versos ou textos en prosa onde deixou recollido o seu imaxinario mundo creativo. A finalidade desta convocatoria, un ano máis, é conmemorar a herdanza desta autora con gran sensibilidade e emoción poética, que escribía con liberdade, poemas nos que describía cos detalles máis minúsculos, pedaciños da súa vida. Pretendemos así fomentar os valores literarios, promover a creación e a difusión cultural de Coristanco e descubrir o talento tendo como inspiración a Asunción Antelo, Rexubeira de Bergantiños.
2. MODALIDADES
Poderase optar ao premio nas seguintes modalidades de traballos:
• Cómic
• Narrativa
• Poesía
• Monográfico
• Debuxo
En cada modalidade disporase das seguintes categorías por centro educativo:
CATEGORÍA 1: nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil.
CATEGORÍA 2: nenos e nenas de 1º e 2º de Educación Primaria.
CATEGORÍA 3: nenos e nenas de 3º e 4º de Educación Primaria.
CATEGORÍA 4: nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Primaria.
CATEGORÍA 5: nenos e nenas de 1º, 2º, 3º e 4º Educación Secundaria
CATEGORÍA 6: mozos e mozas de Formación Profesional.
Poderán participar neste certame todos os aqueles autores e autoras vinculados a algún dos centros educativos do municipio. Os traballos deberán estar escritos en lingua galega e deberán ser orixinais e inéditos.
3. PREMIOS
Disporase dun premio por modalidade , categoría e centro educativo que constan de libros ou material didáctico, valorado na súa totalidade (todos os premios) duns 1.000 euros.
4. PRAZO e LUGAR DE PRESENTACIÓN
O prazo de presentación comezará a partir do vindeiro 1 de abril, e finalizará o 25 de abril. Os traballos deberán ser achegados a cada centro educativo de referencia:
• CPI ALCALDE XOSÉ PICHEL
• CEIP BORMOIO AGUALADA
• CEIP CANOSA RUS
• CRA A TARANDEIRA
• EFA FONTEBOA
4. XURADO
O xurado para a valoración dos traballos que concorran á convocatoria nomearase en cada centro de ensino, un xurado de avaliación designado polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega de cada centro educativo. O xurado terá a facultade de rexeitar aqueles traballos que non se axusten ás bases así como declarar deserto calquera dos premios. O devandito xurado terá plena competencia para aplicar e interpretar as presentes bases e as súas decisión serán inapelables.
5. CONTIDOS
Os traballos deberán redactarse en lingua galega e a súa temática será libre, á elección das persoas participantes co obxectivo demostrar a súa capacidade para redactar en lingua galega e de exercitar a súa imaxinación para concibir historias e desenvolver as súas habilidades neste idioma.
6. REQUISITOS
1. Só poderá presentarse unha obra (en diante, a “Obra”) por concursante.
2. A Obra:
- Deberá empregar o galego
- Deberá ser da súa propia autoría.
- Xunto coa obra, os participantes deberán achegar.
- Nomes e Apelidos completos
- Centro educativo e curso escolar.
3. Criterios de valoración:
- Orixinalidade
- Creatividade
- Boa presentación
7. ENTREGA DE PREMIOS
A entrega de agasallos terá lugar no transcurso dun acto público o día 17 de maio no Salón de Actos do Edificio de Servizos Múltiples. Os autores premiados deberán de recoller persoalmente o premio outorgado, podendo ser entregado a outras persoas acreditadas atendendo circunstancias que así o motiven. Os gañadores/as seleccionadas nas súas distintas modalidades, outorgarán ao Concello de Coristanco o permiso para publicar, difundir ou representar as obras, sempre facendo referencia ao seudónimo do autor.
”
SEGUNDO: Publicar o contido destas bases no taboleiro de anuncios e web municipais mais no BOP de A Coruña.
TERCEIRO: Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa cabe a interposición de recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses. Con todo, poderá, con carácter potestativo, presentar recurso de reposición ante o propio órgano que ditou a resolución no prazo dun mes, nese caso o prazo para a presentación do recurso contencioso administrativo empezará a contarse desde a notificación da resolución expresa do recurso. Igualmente advírteselle a posibilidade de interposición de calquera outro recurso que estime pertinente (art. 88 da Lei 39/2015, do 1 de outubro).
CUARTO. Dar conta ao pleno na próxima sesión que celebre
Coristanco, asinado electrónicamente polo alcalde Juan Carlos García Pose, e a secretaria municipal, Marta Vázquez Garea, na/s data/s que figuran nas sinaturas electrónicas.
Coristanco, 17 de marzo de 2025
O alcalde
Asdo. Juan Carlos García Pose